Hoxe queria falar un pouco desde a protesta e a reivindicación.
Vén de convocarse unha folga indefinida do sector das residencias privadas.
Como traballador dunha delas non podo evitar compartirvos certas novas acerca dela e convocarvos a que acudades se o considerades oportuno, feito que se agradecería en grande medida, ou polo menos que compartades este artigo ou os da convocatoria.
O sentir da profesión miña e do resto dos traballadores das residencias diría que é o do esquecemento das xerencias e da administración dos traballadores e dos anciáns e das condicións nas que se atenden, e meto a administración pois moitas residencias están concertadas e acollen a persoas por unha listaxe pública;en lugar de abrir residencias públicas (que son mais caras de manter) deciden utilizar ese modelo de concerto.
Non se pode consentir que levemos desde 2019 sen convenio, sen actualizar salarios e negándose tamén a actualizar co IPC. Mentres, sigue funcionando todo e seguiu durante a pandemia, os traballadores dobrando o lombo nos peores momentos de mais inseguridade, e parece que a ninguén lle importa xa. Creo persoalmente que o mínimo que se pide é algo de consideración polo traballo feito, e que as palabras tan bonitas que se cuspían en mails corporativos, pósteres e similares, se transformen en algo máis que en algo bonito.
A vida encarece día tras día, cada vez e mais complicado atopar persoal (polo menos é o que escoito e o que experimentei tamén) e mentres nós seguimos cobrando como en 2019, o SMI sube, polo que evidentemente o soldo que pagas nunha residencia perde competitividade.
Dicía unha compañeira miña, e o exemplo encantoume e resume perfectamente o que se pode ver en moitos casos: “Pasas por La casa de las carcasas e hai mais xente atendendo que enfermeiras en moitos turnos na residencia” (Non se entenda como un ataque a ningún negocio, por favor)
Cos soldos actuais non se ve tanta diferencia en ir a atender a un supermercado a xornada completa, ou nunha gasolineira, principalmente auxiliares que teñen o traballo mais duro, deixarían de cargar o lombo e facer noites e reducen responsabilidade por non ter que atender a saúde de persoas fráxiles.
Podería dicir seguramente moito máis pero prefiro deixarvos pensar a vós e non facer tanto un mitin.
Déixovos a ligazón do anuncio da folga, aproveito para recordar que se farán proximamente concentracións o dia 11-03 as 11 ante a residencia Ballesol en Vigo e o 16-03 as 11 ante a Xunta de Galicia. A folga indefinida comezará o dia 17 xa desde as 22:00h